31 de outubro de 2017

A profe Encarna

Hoxe foi un día moi emotivo. Na última sesión da mañá acodimos ao pavillón para despedir á profe Encarna que remata hoxe o seu tempo docente despois de máis de 30 anos ensinando. Desexámoslle todos unha nova etapa moi feliz.

27 de outubro de 2017

Xabi e o seu trombón


Xabi sorprendeunos cun espectacular trombón na clase. Ademáis de ver o grande que é e de sentir o seu son peculiar, descubrimos o difícil que é tocalo, como hai que colocar os labios e toda a forza de sopro que require. Deleitounos con varias peciñas curtas e máis que queriamos que nos tocase ... ! Case o deixamos agotado.
Moitas grazas, Xabi. Foi todo un pracer descubrir o teu mundo de música.

Máis planetas

Hoxe, Salomé e Olalla presentáronos a súa maqueta do Universo. Unha maqueta tridimensional que nos permitio mover os planetas arredor do Sol. Na clase de plástica farémoslle un retoques para alonxar un chisco máis a Júpiter. Falar das órbitas e das distancias ao Sol foi xa un pequeno repaso. O luns ... máis.
Grazs, raparigas.



Un mundo de historias

Hoxe viñeron tres alumnas de sexto contarnos un conto de medo. Xusto xusto no mellor... aí quedou a historia. Claro que nos dixeron que para coñecer o final tiñamos que ir polo libro á biblioteca.
Logo foi o noso compañeiro Martiño o que nos leu un delicioso conto que el mesmo escribiu coa súa nai e que nos relata a historia de Cibrán. Ademais de deixarnos o conto para disfrutalo quedamos co reto de inventar e crear os nosos propios contos como tan ben fixo Martiño. Moitas grazas.
Deixóunos ademais outro agasallo o libro "Emocionario". Hoxe lemos "Aceptación" e descubrimos que nos sentimos aceptados cando nos queren tal e como somos, coas nosas virtudes e as cousiñas que temos que mellorar. A aceptación expresase con tenrura, aloumiños, apretas e moito, moito cariño.



Por último foi Salomé a que nos contou unha lenda. Tamén quedamos coa intriga de coñecer o final, porque andaba polo medio o demo, as cabazas, un home lobo ... os ingredientes necesarios para inventar un conto de medo e seguilo contando ... o luns.




26 de outubro de 2017

Cos brigadistas forestais en Pontevedra

Hoxe estivemos na base que ten a unidade helitransportada de brigadistas forestais en O Campiño, Pontevedra.
Alí o piloto do helicoptero explicounos as características destes medios de transporte e a súa misión na loita contra os incendios. Puidemos coñecer tamén as ferramentas que se empregan para apagar o lume (matalumes, gorgui, mochila e "tajamata"), as funcións e o procedemento a seguir ... Subimos ao helicoptero tamén.





Vimos dous vídeos, fixemos moitas preguntas, aprendemos a clave do triángulo do lume, subimos ao camión de bombeiros e utilizamos a mangueira (para regar!).




Foi unha saída na que vimos o imprescindible de ser moi prudentes nas nosas visitas ao monte e do coidado do medio ambiente non deixando nunca papeis, plásticos ou botellas e por, suposto, vixiando que non se encendan lumes.

25 de outubro de 2017

Mediadores

Hoxe, no recreo, as nosas  compañeiras Vicki e Aldara estiveron na reunión de mediadores. Están preparando algo moi especial co que pronto nos van sorprender.

Visitamos a exposicón

Hoxe estivemos en Exposalnés visitando a exposición de lifatelia, aínda que vimos moi  pouquiño dos paneis expostos xa que primeiro nos explicaron aspectos moi interesantes relacionados cos selos. Tamén aproveitamos para enviar unha carta para os nosos afillados, unha carta moi especial, porque, ademais de levar as nosas palabras de saúdo e as novas, levaba unha sorpresa!!!
Agasalláronnos cun pequeno álbum co que podemos iniciar a nosa particular colección de selos e cun libriño informativo que recolle a información que vimos nos vídeos.
Hoxe e mañá pola tarde haberá, de cinco a sete, un taller sobre o mundo dos sellos e o coleccionismo. Tamán podemos mercar selos para a colección a prezos moi baixiños. Animádevos a descubrir este mundo tan interesante.

24 de outubro de 2017

Exposición de Filatelia

Onte inaugurouse en Exposalnés a exposición de Filatelia,  que se inclúe entre os actos conmemorativos do 50 Aniversario do colexio. Alí, fixéronlle entrega dos agasallos á ganadora do concurso de selos e ás finalistas, entre as que se atopaba a nosa compañeira Irene, acompañada do director do centro, o inspector, o xefe territorial, a alcaldesa, o concelleiro de cultura e os representantes da ANPA, ademais do profesorado do centro. Todo un orgullo. Parabéns, Irene.

Coordenadas

Hoxe, cos ordenadores Abalar, buscamos as coordenadas GPS do colexio e da nosa casa no Sigpac. Logo tamén buscamos o cole (e a casa) con google maps. A imaxe era moi boa, pero non nos deu tempo a mirar as coordenadas. O venres mirarémolas de novo.

Contos de Medo

Ao longo desta semana, varias das nenas da nosa aula que participan na actividade de "Axudantes de Biblioteca" van, no Plan Lector", a lerlles contos de medo aos máis pequeniños. Son unhas verdadeiras artistas! Grazas, raparigas.



O Universo

Carolina e Candela fixeron un excelente mural sobre o Universo. Utilizámolo para repasar a diferenza entre estrelas e planetas, para situar cada un dos planetas do noso Sistema Solar e explicar, ademais, as catro diferenzas entre os planetas interiores e os exteriores. Moitas grazas para un traballo tan fantástico.

20 de outubro de 2017

Escola das Familias

Xa está en marcha a Escola das Familias.
Hoxe levades o calendario de reunións para todo o ano.
A primeira xuntanza vai ser o 8 de novembro na Biblioteca do  colexio de 19:15 h a 20:15 h.

En positivo

Hoxe fixemos unha pequena representación do dano que podemos facer cando usamos algunhas palabras que firen; tamén vimos como protexernos desas palabras cando van dirixidas a nós e como responder en positivo. Pero aínda queda moito por facer.



17 de outubro de 2017

Incendios

Onte todos viñemos moi afectados polos incencios. A algún de vós tocoulle vivir moi de cerca situacións críticas. Para deixar constancia do acontecido e da situación vivida, aquí quedarán unhas mostras dos artigos de opinión que escribíches.

11 de outubro de 2017

Prensa na escola

Como en anos anteriores o centro participa no programa "Prensa escola" coa colaboración do xornal "La voz de Galicia" que todos os maércores nos trae 10 xornais a cada aula de 5º e 6º. Así é que hoxe foi o primeiro día que tivemos nas mans os xornais. Falamos de titulares, entradas, corpo da noticia seccións e pés de foto. Descubrimos que hai que descubrir nunha noticia respostas as seis W (www.www) para facer un bo resumo da mesma. Foi entretido compartir o xornal e descubrir moitas noticias interesantes, ou descubrir que hoxe vimos no xornal á nai do noso compañeiro Diego e á súa avoa ... Cada mércores aprenderemos cousas novas dun xeito diferente. Aprenderemos tamén a ser bos xornalistas.



10 de outubro de 2017

Experimento coas fabas

Fai uns días colocamos 5 fabas cun algodón húmido na neveira e outras cinco tamén con algodón húmido na habitación. Logo de expresar por escrito a nosa hipótese sobre o que podería ocurrir tomamos nota das posibles variables que podían intervir no experimento: luz, temperatura, humidade ... Houbo que rexistrar, día a día o que acontecía coas fabas.
Hoxe tivemos na clase os primeiros resultados. Non todos  responderon ao esperado. Houbo fabas que se pudriron e cheiraban fatal (exceso de auga?), outras non saíron de debaixo do algodón (moi tapadas?) ...outras xerminaron (as da habitación).


Xabi foi facendo fotos do proceso e  hoxe presentóunolas nun power point. Quedamos moi gratamente sorprendidos. As fabas que máis medraron foron as de Aldara, que están preciosas. Mencía fixo unha minuciosa reportaxe gráfica que expoñeremos nos corredores. Varios nenos están repetindo o experimento e introducindo cambios nas variables...

Noraboa rapaces!!!

Lupa e microscopio. Estrutura dos seres vivos

Hoxe, por primeira vez, puidemos observar os tecidos dunha folla na lupa binocular e as células dunha cebola  no microscopio. Víase perfectamente a parede celular! Foi moi interesante.



Ademais de diferenciar células, tecidos e órganos dunha planta estivemos facendo un esquema coa clasificación das plantas e aprendemos dous nomes novos que xa imos ter que dominar: anxiospermas (plantas con flores) e ximnospermas (plantas sen flores).

Foi moi sorprendente descubrir aos musgos no reino das plantas, porque non teñen, raíz, nen talo, nen follas ... O que si comparten coas plantas son as características fundamentais deste reino: son seres pluricelulares sen movemento e que fabrican o seu propio alimento, pois realizan a fotosíntese como todas as demais plantas!

Agora toca estudar estes novos conceptos e falar con propiedade, como verdadeiros científicos. E como científicos utilizamos unha guía dicotómica para clasificar unhas árbores que vemos sempre nos arredores do colexio.

8 de outubro de 2017

Versos e bolboretas

O pasado venres participamos na resentación editorial do libro "Versos e bolboretas" de Mónica Inés Varela Gestoso, un libro de poesía co que xa estivemos traballando na aula ao longo da semana e que nos servíu para falar da comunicación verbal e non verbal, dos textos literarios e da poesía como resursos para transmitir emocións e pensamentos con gran beleza.
Salomé, Vicki e Xabier foron os tres compañeiros da clase que leron algúns dos poemas deste precioso libro e fixérono realmente ben. Grazas, raparigos e noraboa.




6 de outubro de 2017

O Universo

Brais hoxe preparounos unha interesante exposición sobre o Universo. Axudáronlle os seus amigos Salomé e Xabier. Moitas grazas.

5 de outubro de 2017

Na Biblioteca

Hoxe foi o noso primeiro día de Biblioteca. Foi un pracer desfrutar da lectura dun bo libro, a veces compartido, nun exquisito ambiente de silencio.




4 de outubro de 2017

Clasificación de aromáticas

Hoxe continuamos coa clasificación das aromáticas. Tivemosque utilizar termos científicos para describilas con precisión: follas palmatinervias, penninervias, lobuladas, acorazoadas ou enteiras xa empezan a formar parte do vocabulario segundo nos fixemos nas nervacións das plantas,no borde ou na forma do limbo. Como verdadeiro científicos!!!


3 de outubro de 2017

A ti meu Magariños

Xa están listos os debuxos para o segundo concurso de filatelia. Leva por título "A ti meu Magariños". Nos debuxos reflexamos a parte do colexio que máis nos gusta. Quedaranos un bo recordo, seguro.

Coñecendo plantas aromáticas

Hoxe estivemos observando, tocando, cheirando, mirando coa lupa, unha chea de plantas aromática: 16 plantiñas nada menos!
 Mañá descubriremos se recordamos as súas características e somos capaces de clasificalas e poñerlle o nome. Iremos aprendendo aínda máis.




Ecopercusión

Hoxe, Lucía,  tíñanos preparada unha sorpresa. Didier, un profesor de Ecopercusión, ensinounos como facer música con instrumentos de reciclaxe. Foi incrible. Conseguíu nunha sesión que soase tan ben que xa nos imaxinamos animando ao Xuven, ao Cambados, acompañando as comparsas de Entroido e facendo festa.
Moitas grazas Lucía, moitas grazas Didier.